A escola

O CCMUS ou Centro Creativo Musical é unha escola que funciona baixo a Asociación do Centro Creativo Galego (CCGA). O Centro Creativo Galego ofrece formación de múltiples disciplinas artísticas como música, danza e artes plásticas e gráficas.

MÚSICA

O Centro Creativo Musical de Moaña actúa de forma diferente aos conservatorios tradicionais, pois apostamos por un sistema innovador utilizado en Centro Europa que nos diferencia. Nun mesmo día de clase impartimos instrumento, linguaxe musical e música de conxunto. Isto permite maximizar o tempo e tamén permite que o alumno non “sufra” tanto coa linguaxe musical, pois entenderá mellor que o que está na partitura é unha representación do que está tocando e non ao revés.

A idea do CCMUS é preparar os alumnos para os certificados de validez internacional, como é o da Royal School Music. Con este tipo de certificados os seus estudos serán aceptados en calquera país, elemento moi importante para a formación e a cualificación profesional.

No Centro Creativo Musical impartimos tres estilos de música fundamentais: Clásico, Jazz e Folk.

Clásico

Cando falamos de Música Clásica referímonos á música que se interpreta exclusivamente en concertos, executada por instrumentos que integran unha Banda de Música ou unha Orquestra Sinfónica, como poden ser o violín, violoncello, clarinete, frauta, óboe, saxofón, trompeta, trompa, trombón e outros. Tamén pode ser interpretada por Grupos de Cámara en tríos, cuartetos e quintetos; para realizar concertos en salas de dimensións máis pequenas.

Jazz

O Jazz é un estilo musical que relaciona a música europea e a afroamericana, onde se utilizan a nivel de ritmo o swing e a improvisación persoal dos músicos que a interpretan. O Jazz utiliza instrumentos da Música Clásica, sendo os máis habituais o piano, saxo, clarinete, trompeta, trombón, contrabaixo, guitarra e batería. Este estilo musical naceu a comezos do século XX e difundiuse por todo o mundo con grande éxito, continuando ata hoxe en día.

Folk

A música folk moderna utiliza instrumentos típicos de cada rexión para interpretar pezas de carácter tradicional ou de nova creación, como poden ser a gaita, a zanfona, o acordeón, o violín… A música folk utiliza temas musicais de tradición oral xa existentes, facendo deles unha reinterpretación máis moderna, ou creando temas orixinais tendo como base o estilo da música tradicional.

DANZA

Respecto á Danza Clásica (Ballet) ou Contemporánea, actuamos do mesmo xeito e tamén prepararemos os alumnos para os exames da  Royal School of Dancing, xa que continuamos coa mesma filosofía de alcanzar certificados de carácter internacional.

Filosofía CCMUS

Pero máis alá dos certificados e as cualificacións, o importante é que os alumnos se divirtan creando, xogando, tocando. O fundamental é a creatividade e que esa creatividade se transmita. É por iso que somos unha escola de artes. Somos artísticos e queremos que os alumnos se empapen da nosa filosofía facendo que todas as actividades sexan de carácter transversal. Todos os nosos alumnos saberán de primeira man como funcionan as demais disciplinas artísticas e así poden ter criterio propio para decidir e continuar creando…