Andrés Vilán

Andrés Vilán

Andrés Vilán, natural de Arcade, é percusionista de música tradicional e folk de Galiza. Ten traballado cos máis importantes gaiteiros do país, como Xose Manuel Budiño, Marcos Campos, Pablo Carpintero, Iván Costa, Pablo Devigo, Edelmiro Fernández, Paulo Gonçalves, Óscar Ibáñez ou Pepe Vaamonde. Tamén colaborou con algúns dos máis prestixiosos gaiteiros europeos como Patrick Molard, John McSherry, Diarmaid Moynihan, Ventzy Andonov ou Jorge Areces.

Nos últimos quince anos foi percusionista de coñecidas bandas de folk como a da cantante Mercedes Peón, Pepe Vaamonde Grupo ou Óscar Ibáñez & Tribo. Nos últimos anos ofreceu máis de 400 concertos nos principais eventos folk mundial como o Festival Intercéltico de Lorient, o Celtic Connections, o Festival de Ortigueira, o Festival Intercéltico do Porto ou o Folkfestival Dranouter.

Como músico de estudio ten participado en máis de 30 traballos discográficos, gravando para importantes produtores e arranxistas como José Ramón Flórez, Bob Painter, Juan de Dios Martín, Caco Refojo ou Arturo Vaquero.

É un dos percusionistas máis premiados nos últimos 25 anos en Galiza, conseguindo sempre os primeiros premios nos principais concursos de música tradicional, como o Concurso de Gaitas de Ponteareas, o Memorial Ricardo Portela, o Memorial Manuel Villanueva ou o Concurso de Música Tradicional Avelino Cachafeiro.

No ámbito docente leva preto de 20 anos exercendo como profesor de percusión para diferentes organismos, tanto públicos coma privados, polos que pasaron máis de 600 alumnos. Impartiu aulas na Escola de Gaitas e Percusión da Deputación de Pontevedra, a Escola de Toque Pechado de Pontevedra, e Escola de Música Tradicional Gandaina e a A.C. Pai da Cana, así como diferentes cursos monográficos e masterclases sobre percusión tradicional e folk de todo o país.

Actualmente forma parte da banda Óscar Ibáñez & Tribo, traballa como músico freelance e é profesor de percusión tradicional e folk.

 



Los Comentarios están cerrados.